Archivo | noviembre, 2015

Comentando opinións sobre candidaturas 20D

25 Nov

Logo de ler o contido do seguinte enlace:

A Voz de galicia.es: opinion/2015/11/21/primarias-candidaturas-gatopardos

Síntome inducido a expresar unha vez máis a miña cantilena que, supoño que por obvia, sempre pasa desapercibida: TODOS se están deixando levar polas provocacións dun Sistema odioso que controla as decisións políticas nesta sociedade “amordazada”…

Bailamos ao son que nos tocan, por que os que acaparan o poder de decisión e teñen ao seu servizo os medios,  saben que timbres pulsar e que luces vermellas acender, para desviar a atención dun xentío indignado, como a “reses”  en “estampida” que nos emocionaba nas antigas películas de “vaqueiros”…

Temos as evidencias do que ocorre, a lista dos corruptos e manipuladores, a indignación a lume de biqueira por tantos abusos, pero fáltanos un obxectivo concreto e decidido, porque antes os que acrisolan as ideoloxías salvadoras, teñen que defender un “statuo quo” do que depende a súa supervivencia financeira… Sen a cal parece ser non hai revolución posible, aínda que á min paréceme que tal actitude o que fai é perpetuar un sistema que din querer mudar…

Ese obxectivo, tantas veces definido, pero poucas concretado na súa praxe, é cambiar unha sociedade que só serve para potenciar os abusos sociais, a destrución do medio ambiente, a inxustiza e a manipulación informativa, a corrupción e a ignorancia.

Como?… Chegando ao poder… Non son tan culto como para facer unha reflexión histórica do devir humano, pero sóame que, até o presente, só se conseguiron cambios fundamentais en base a unha rebelión armada, o que non parece aconsellable xa que ese monopolio teno “o Sistema”, máxime cando a propia esquerda contribuíu a eliminar calquera posibilidade de exercito popular, ao “conquistar” (eu diría, ao favorecer) unha abolición do Servizo Militar obrigatorio, que habería que transformar (ou se non abolir calquera exercito) pero nunca substituílo por “profesionais” ao servizo do que paga.

É dicir, a vía das armas queda totalmente descartada.

E mira por tanto que, aquelas persoas deste país que están fartas de abusos e corrupción, de súpeto danse conta do seu desamparo e claman por unha unidade de acción que garanta un cambio nas institucións, expulsando a corruptos ou ineptos ao servizo dun sistema depredador, que nunca se somete a ningún tipo de elección popular…

Instintivamente, unha boa parte deses descontentos, teñen moi claro que, en xeral, os partidos son entidades cuxos obxectivos non están claros e que, ademais, nunha transición imposta dende un “franquismo” asumido polos poderes fácticos sen andrómenas, non conseguiron máis que reforzar o poder dos explotadores do pobo, máis poderosos aínda que durante a ditadura, na que tiñan que “valorar” as directrices do seu valedor, pero agora, non teñen que dar contas a ninguén!.

Dende hai anos, vénse propondo un cambio nas formas de facer política, buscando a implicación das persoas nas decisións fundamentais, o que tiña que estar organizado, e así se tentou, primeiro no 15M e logo nas Mareas e outras plataformas populares, pero de forma imperfecta, posiblemente pola cortedade de miras dos partidos que, en principio, incorporáronse ao movemento, pero logo non apoiaron decididamente a consolidar, senón que quedaron en “resolver” as súas opcións de obter algunha prebenda que lles manteña “operativos” aínda que só sexa para “clamar no deserto” …

Preténdese, dende o movemento Asembleario, ofrecer aos partidos progresistas un foro onde medir as súas forzas, para conseguir listas apoiadas pola maioría, pero ao mesmo tempo, consolidar as Asembleas como entidades de participación cidadá que garantan a transparencia, que se organicen como foros de debate, como ferramenta de información e participación…

Na situación de emerxencia na que estamos, impúñase traballar de forma unitaria, o obxectivo era dispor de listas únicas, a partir de primarias conxuntas, cun programa electoral mínimo: Nova Constitución garantindo os dereitos das persoas e das nacionalidades, evitando os abusos dos especuladores, institucionalizando a celebración de referendos, nova lei electoral e novas eleccións, para facelas nun contexto de democracia real e participativa directa.

Así pois, sobre o interesante articulo ao que me refiro, atrévome a opinar, sen máis autoridade que o meu bo entender: teño de menos que non se faga referencia a cal podería ser unha solución á situación actual…

Mentres, seguirei propondo que, dende as Asembleas, sexa a cidadanía a que decida cal é o programa político que deban defender os seus candidatos, logo dun debate a fondo cos partidos,que deben de achegar as súas formulacións, candidatos e propostas…

Creo que hai un clamor pedindo que as Asembleas se consoliden, pero non vexo frutificar ningún dos intentos de “normalizar” as súas estruturas, dotándoas dun regulamento unánime de funcionamento e organización funcional.